MAGOS PROFESIONAIS DE GALICIA
E S T A T U T O S
DENOMINACION, ÁMBITO E DOMICILIO
TÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL
ART.- 1º
Constitúese no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, unha Asociación sen ánimo de lucro que se denomina "MAGOS PROFESIONAIS DE GALICIA" e que se rexerá pola vixente Lei 19/1977, de 1 de abril reguladora do dereito de asociación sindical e demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico.
ART.- 2º
A Asociación nace co espírito de defender e impulsar a actividade da Maxia Profesional en Galicia, para tratar de crear un espazo propio dentro das actividades artísticas e culturais da Comunidade. Asemade, a Asociación ten como finalidade situar a actividade artística da maxia , na consideración da sociedade galega, como unha arte con entidade propia.
Os fins e actividades da Asociación, por orde preferente, son os seguintes:
a) A defensa dos dereitos e intereses profesionais dos magos profesionais de Galicia
b) Impulsar e defender a actividade da Maxia Profesional.
c) Establecer coas distintas Administracións públicas ( Xunta de Galicia, Deputacións Provinciais, Concellos, etc. ) e/ou entidades privadas ACORDOS de colaboración e CONVENIOS económicos que permitan un maior desenvolvemento cuantitativo e cualitativo da actividade da Maxia Profesional.
d) Incentivar e fomentar o uso público da lingua galega dentro do ámbito das actividades relacionadas ca Maxia Profesional.
e) Colaborar con outras asociacións ou colectivos de maxia de Galicia co fin de fomentar a afección á Maxia.
f) Difundir a actividade da Maxia en xeral e a da nosa Asociación en particular a través dunha presencia regular e constante nos medios de comunicación social e da creación dunha páxina web propia.
g) Organizar regularmente actividades de formación e actualización nas distintas especialidades máxicas dirixidas ó colectivo de asociados.
h) Programar actividades lúdicas e didácticas dirixidas especificamente ó público infantil e xuvenil.
i) Programar actividades máxicas de carácter solidario ou social.
j) Sentar as bases para a creación futura dunha Escola Máxica en Galicia e presentar proxectos e programas diante das administración públicas para acadar un recoñecemento e regulamento oficial das ensinanzas que dita escola poda impartir no futuro.
ART.- 3º
O domicilio legal da Asociación establécese en SANTIAGO DE COMPOSTELA, rúa Amor Ruibal 27-29, galerías Pontepedriña, local 7 . A Xunta Directiva poderá modificar o domicilio social a calquera outro local dentro da cidade de Santiago de Compostela. Para a modificación do domicilio social a outra cidade o vila galega se precisará o acordo da Asemblea Xeral.
ART.- 4º
A Asociación desenvolverá as súas actividades fundamentalmente dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, a súa duración será INDEFINIDA, e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral convocada ó efecto ou calquera das causas previstas nas leis así como por sentenza xudicial firme.
ART.- 5º
Os presentes Estatutos serán desenvolvidos e cumpridos mediante acordo que validamente adopten a Xunta Directiva e a Asamblea Xeral, dentro das súas respectivas competencias.
ART.- 6º
A lingua propia da Asociación é o galego, que será a lingua oficial nas actuacións e comparecencias públicas dos asociados, na difusión das súas actividades e na documentación escrita que emane do funcionamento interno e externo da Asociación. En consecuencia, para ser membro da Asociación deberase acreditar un coñecemento suficiente do galego.